A nova web
Aquí temos o novo espazo web do festival Castelo Rock no que iremos informando de todas as súas novidades, así como do resto de actividades que a entidade programa tanto no local de San Xosé como noutros espazos.
Adiantámosvos que o festival terá lugar o 3 e 4 de agosto (venres e sábado) no recinto da praia do Castelo.
Nestes momentos estamos traballando na súa programación e presentaremos o cartel e todas as actividades a comezos do mes de xuño.
Benvidos/as a un novo espazo de encontro!!
Adiante!! Castelo Rock 2012!!
Estimados casteliños e casteliñas, followers, siareiros, socios e socias, empresas, hostaleiros, responsables institucionais… e vila,
Este ano 2012 comezamos a traballar, aplicándonos máis que nunca en poder levar a diante a principal actividade da entidade, o Castelo Rock.
Despois de meses de planificación, de programación, de actividades, da apertura do local, dos cambios na xunta directiva, das reunións con entidades… e en definitiva de moito choio, tomamos a decisión de que si podemos facer o Castelo Rock, que con toda seguridade se celebrará a primeira fin de semana de agosto e na que trataremos de ofertar dúas xornadas de concertos.
A situación da entidade e do que chaman crise obríganos a contar cun orzamento que pouco se asemella ás anteriores edicións. Aínda que isto non vai obrigar a cambiar o espírito do Castelo Rock e as súas características idiosincráticas que o converteron nun signo de identidade cultural do Concello de Muros e nunha plataforma de difusión cultural de alto nivel en Galicia.
Por iso, facemos un chamamento de apoio ao sector comercial, hostaleiro e empresarial para xuntar esforzos e converter o evento nun produto sostible que permita atraer xente ao noso lugar.
Con todo isto, só queremos expresar que con ganas, ilusión e colaboración podemos sacalo adiante.
Temos unha cita en agosto.
Saúde e terra!!
ACRD Praia do Castelo








